Tuesday 07 de May de 2024

O Concello abre inscricións no curso de paddle surf que organizará en agosto na praia do Puntal


Está dirixido a nenos a partir de 8 anos e persoas adultas

O Concello de Neda volve a apostar este verán polosdeportes acuáticos, e tras a boa acollida dos cursos de paddle surf celebrados nos últimos anos, neste 2023 reedita convocatoria. Así, a Concellería de Deportes abría hoxe, e ata o vindeiro xoves 26 de xullo, o prazo para anotarse no curso que celebrará ao longo do mes de agosto na praia do Puntal.

Está dirixido a nenos a partir de 8 anos e persoas adultas, e é preciso saber nadar.
Unha vez máis, contará coa escola valdoviñesa Asolas no Puntal, que acumula máis de 20 anos de experiencia no campo da formación, para impartir a actividade, que constará de 2 sesións semanais ao longo de agosto (xornadas e horarios determinaranse en función das mareas). Iso si, é preciso reunir un número mínimo de participantes para formar grupo. As inscricións deben formalizarse chamando ao teléfono da biblioteca: 981 39 02 33 en horario de 9 a 13 h, e o custe do curso é de 20 euros para menores de 18 anos e de 30 para maiores de idade.

O alumnado adquirirá pautas de seguridade; aprenderá a poñerse en pé sobre a táboa, e a remar; descubrirá as manobras para dirixila, e, finalmente, desfrutará de pequenos percorridos polas augas mansas desta zona da ría de Ferrol (xunto á praia nedense).